Publicidad

Cedeira e AFAL poñen en marcha talleres de estimulación cognitiva

FERROL360 | Mércores 18 novembro 2015 | 11:20

O Concello de Cedeira, en colaboración con AFAL Ferrolterra, veñen de poñer en marcha talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias.

A terceira pranta do Auditorio Municipal acolleu este martes a primeira das sesións, que se celebrarán dúas veces á semana por espazo de hora e media, desde as 16.30 ás 18.00 horas. Serán os martes e xoves.

Con esta iniciativa, Concello e AFAL buscan fórmulas para retardar o avance da enfermidade e, ao mesmo tempo, mellorar a calidade de vida dos veciños afectados e dos seus coidadores e familias.

Trátase de obradoiros de estimulación cognitiva para veciños que teñen diagnosticada a enfermidade e que se atopan nunha fase inicial ou moderada.

A través dos mesmos, persoal especializado levará a cabo diferentes terapias para activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas das persoas enfermas.

Os obxectivos pasan por traballar as capacidades residuais da persoa para evitar a frustración do enfermo, aumentar a súa autoestima e contribuír a pór freo ao avance da enfermidade.

Esta terapia lévase a cabo mediante exercicios prácticos a nivel individual, e cun enfoque lúdico a nivel global. A matrícula continúa aberta no Edificio Municipal de Servizos Sociais para todas as persoas interesadas en participar ou recibir máis información.