FERROL360 | Domingo 20 decembro 2015 | 17:03
Un bo álbum de fotos ten todo o necesario para pervivir: está feito para durar, non precisa corrente e é accesible a calquera hora e para calquera idade.
Con esa idea a Asociación de veciños Adiante de Igrexafeita edita un libro de 110 páxinas coas fotografías e as historias contadas pola veciñanza da parroquia. Un retrato social e etnográfico do territorio que irá gañando valor co paso dos anos.
Xa hai varios anos que nunha asemblea da entidade xurdiu a proposta de recoller os recordos das persoas maiores que viviran a guerra e a posguerra coa intención de plasmalos nun libro.
Finalmente, este ano a directiva da entidade se puxo mans á obra dándolle unha volta ao concepto inicial: xa non serían só os máis vellos os protagonistas, senón que a publicación tamén lle daría voz ás vivencias de todos os veciños e veciñas da parroquia ilustradas cunha fotografía actual.
E é que Adiante non buscaba elaborar unha colección de estampas doutro tempo recompiladas e escaneadas, senón unha fotografía da Igrexafeita de hoxe perfectamente identificada con nomes e citas sobre o presente ou o pasado.
Isabel Soto, Abel Vega, Laura Ríos e Ana Lamas percorreron todos os lugares con ese obxectivo. Cámara en man foron casa por casa explicando o proxecto e recollendo a maioría das historias que, nalgúns casos, foi necesario resumir para adaptalas ao soporte libro.
A acollida veciñal do proxecto foi un éxito. «A todos e todas lles gustou contar algo da súa historia. Saen todas as casas menos dúas que preferiron non facelo. O libro ten dúas partes: os veciños e veciñas da parroquia por lugares e os socios e socias de Adiante que non viven aquí. Todos con foto e historia e cadaquén contou o que quixo. Tamén van descritos os lugares nos que xa non vive ninguén», explica Ana Lamas.
O resultado de varias semanas de traballo titúlase Contos da veciñanza. Adiante Igrexafeita 2015, ten 110 páxinas e del xa se mostrou un primeiro avance de corrección no pasado Magosto da asociación de veciños.
En principio vaise facer unha tirada de 55 exemplares que xa están encargados, aínda que desde a entidade agardan ter que facer máis pedido dunha obra que nos anos vindeiros alcanzará un valor social incalculable.