FERROL360 | Martes 7 xullo 2015 | 14:22
O goberno local de Pontedeume reactivará o Plan Especial de Protección e Reforma Interior, PEPRI, do casco histórico, despois de coñecer que levaba paralizado dous anos. O grupo de goberno reuniuse co equipo redactor do PEPRI para coñecer a situación na que se atopaba este plan, que segundo o anterior goberno ía parello ao PXOM.
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, denuncia que as explicacións dadas polo anterior goberno eran un «engano» e que en realidade o PEPRI estaba freado. «Terán que dar explicacións de por que mentiron ao pleno e ao pobo», afirma o rexedor.
En todo caso, Fernández anunciou que o equipo redactor do Plan retoma o traballo para continuar a tramitación, que necesita da aprobación dos graos de protección no pleno e de informes sectoriais. A intención é que o PEPRI «axilice aos veciños os trámites de rehabilitación de inmobles», indica o alcalde, xa que os propietarios non necesitarán consultar con Patrimonio para obter licencias.