Publicidad

O Centro de Recursos Solidarios de Narón recibiu 2.235 quilos de alimentos e produtos de hixiene

FERROL360 | Sábado 25 xullo 2015 | 14:53

Nos vindeiros días o Centro de Recursos Solidarios de Narón comezará entregar as últimas doazóns realizadas este mes, que permitiron recadar un total de 2.235 quilos de alimentos e produtos de hixiene. Así, na última «Operación quilo» recolléronse 1.331 litros de leite; 157 de aceite; 80 de cacao; 149 de azucre; 219 quilos doutros alimentos e 135 unidades de produtos de hixiene.

A esta campaña hai que sumar as doazóns realizadas pola Asociación de Veciños de Castro, a Cooperativa do Val e as entregas realizadas no Mercado de Segunda Man de Sedes, no que se recadaron 102,5 quilos de diferentes produtos. Todas estas aportacións suman os 2.235 quilos de produtos de alimentación e de hixiene recadados no que vai deste mes de xullo.

A concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García, agradeceu a colaboración prestada polos establecementos participantes na «Operación quilo», así coma a implicación de todas as persoas que realizaron as doazóns a través das entidades de AVV de Castro e a Cooperativa do Val, ou a título individual.

«Sen a axuda de toda esta xente sería impensable, ou cando menos moito máis complicado, poder organizar este tipo de iniciativas», descatou a edil quen indicou tamén que nestes tempos de crise «é moi ben recibida calquera doazón, por mínima que pareza, porque desgraciadamente son moitas as familias que o están pasando mal» e carecen de produtos básicos de alimentación e hixiene.

Os interesados en colaborar co Centro de Recursos Solidarios poden realizar as doazóns nas propias instalacións, na traseira do Centro de exames das Lagoas, en horario de 9:00 a 12:30 horas os martes e xoves e de 19:00 a 21:00 horas os mércores, durante a tempada de verán.

Futuros retos

Por outra banda, Catalina García asegura que o goberno local continúa realizando as xestións oportunas para construír unha nave propia para este centro, xa que a actual é de alugueiro, e que seguirán traballando «para elaborar os estatutos pertinentes e darlle forma xurídica á entidade». E é que a Xunta informou que o nome: Fundación Centro de Recursos Solidarios de Narón está dispoñible para poder constituírse como tal.