Publicidad

‘Maimiño’, un filme en galego para pasalo ben este martes con toda a familia

FERROL360 | Martes 25 agosto | 12:09

A Concellería de Normalización Lingüística faise un oco na programación das Festas de Ferrol presentando este martes a partires das 21:30 horas, un filme ao aire libre para toda a familia na praza de Sevilla.

Maimiño é o espello máxico, a primeira película de animación galego cubana, que vén de recoller un grande éxito de público nas salas de Cuba e mesmo en 60 cines de toda España, é a adaptación de José Martí do clásico francés Pulgarcito.

Dirixida por Ernesto Padrón, é resultado da colaboración da TVG, TVE, Agadic e de Ibermedia. É unha coprodución entre a empresa galega Ficción Producciones e os Estudos de Animación do Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográfica.

O cantautor Silvio Rodríguez participou na composición da banda sonora, interpretada por Uxía Senlle e Xoán Curiel, e os actores Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, María Castro, Monti Castiñeiras, Luis Iglesia, Antonio Mourelos ou Marcos Pereiro, entre outros, son os responsables da dobraxe.

Sinopse

Maimiño é a historia dun pequeno campesiño que querer sacar á súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que destrúe a colleita dos seus pais e o encontro co Espello Máxico da Media Laranxa, levárano de aventuras xunto cos seus irmáns.

No camiño atópase mil e un enredos cheos de maxia, amor, bruxería e encantamentos, saíndo vitorioso logo de aprender que «o saber pode máis ca forza».