Publicidad

Uxía Senlle ou Mamá Cabra, convidados de luxo ao espectáculo A nena e o grilo van de festa!

FERROL360 | Domingo 30 agosto 2015 | 13:35

O derradeiro día de festas de verán en Ferrol inclúe cita para o público infantil. O musical familiar A nena e o grilo van de festa! represéntase na praza de Amboaxe desde as 21:00 horas, pouco antes dos fogos cos que queda pechado o programa festivo. Entrada de balde para un espectáculo que terá convidados de luxo.

O músico Isaac Palacín, integrantes de Mamá Cabra ou Uxía Senlle acompañarán aos responsables da montaxe. Eles mesmos definen o evento como un espectáculo grande para xente miúda. Magín Blanco promoveu unha creación na que teñen cabida músicas actuais, dende o pop ao rock pasando polo reggae ou a bossa nova, e relatos tradicionais na procura dun mundo mellor.

Incrementar a ilusión, a creatividade e a imaxinación nas mentes dos asistentes é o ambicioso obxectivo da cita. Non están relegados valores como a solidariedade, o respecto á natureza ou o desenvolvemento da afectividade e a curiosidade. Iso si, aventuras non faltan, sempre dende a ollada dos pequenos.