FERROL360 | Luns 14 setembro 2015 | 10:25
O concelleiro de Esquerda Unida de Narón, André Abeledo, vén de presentar un escrito no Concello para denunciar «o grave estado de abandono da nave industrial sita no lugar de Pena Parda», máis coñecida como a nave de San Esteban, na estrada de San Xiao.
Abeledo achegouse ao lugar para comprobar persoalmente o estado da nave despois de que varios veciños da zona informaran desta situación. Nun comunicado, o concelleiro advirte que «a nave atópase anegada, converténdose nun perigo para as rapazas e rapaces que xogan nos arredores».
Ante esta situación, EU Narón solicita no escrito presentado no Concello que poña remedio a esta problemática achicando a auga que anega a nave. Asimesmo, pide que a zona sexa valada para evitar accidentes.