FERROL360 | Venres 10 abril 2015 | 19:12
O Concello de Cedeira ampliará a curto prazo as posibilidades de uso do skate park emprazado no auditorio ao aire libre que se ubica no paseo da Magdalena, abrindo estas instalacións á práctica de deportes sobre rodas para rapaces e rapazas maiores de doce anos.
Será mediante a incorporación de novos elementos e infraestructuras nesta pista de skate habilitada recentemente. Entre estes, o Concello sumará un dobre funbox e outro simple con barandilla, ou unha rampa de salto, e transformará as actuais rampas de acceso ao recinto en zonas de xogo.
A actuación tamén contempla a mellora das condicións do pavimento, tanto do escenario como da pista central do auditorio, así como a ampliación da zona axardinada circundante. A intervención está valorada en preto de 50.000 euros e, actualmente, atópase en fase de licitación.
Unha vez conclúa o proceso administrativo, o prazo de execución da actuación é de catro meses. O proxecto nace a demanda do colectivo xuvenil e para a redacción do proxecto, contouse co asesoramento de especialistas na materia.
Cabe recordar que o Concello habilitaba meses atrás o primeiro skate park do municipio neste mesmo espazo mediante a construcción de tres rampas de formigón. A inmediata resposta á iniciativa, coa crecente presenza de usuarios na área recreativa leva agora ao Concello a seguir mellorando as condicións de uso.
