FERROL360 | Venres 17 abril 2015 | 11:03
A Casa da Cultura acolle desde este venres a mostra «150 anos dunha vila mariñeira: Pontedeume 1865-2015». A exposición conta con material fotográfico, audiovisuail e maquetas relacionadas co mundo do mar. Os fondos que forman este particular arquivo están cedidos pola Biblioteca Municipal, que leva 15 anos promovendo o programa de Fotografía Familiar.
Unha iniciativa que permite recuperar e mostrar as fotos aportadas polos alumnos, xa que escanéanse as imaxes conservadas nas casas para o seu posterior etiquetado. Este valioso fondo conta xa con máis de 1.500 obras, grazas á tarefa de Alexandre Caínzos, que conta tamén coa colaboración dos profesores para crear este referente do patrimonio icónico galego.
Hai tamén material proporcionado por diferentes administracións como o Arquivo do Reino de Galicia, a Real Academia Galega, Centro Galego das Artes da Imaxe, o Museo do Pobo Galego e o Archivo General de la Administración, ademais dos fondos particulares de Antonio Leira Noche, Antón Prego Fernández e Muebles La Mina, así como Foto Ríos, que conserva milleiros de negativos de Tito Ríos e douscentos cristais de M. Saavedra.
Unha parte importante da mostra é reflectir a vida da vila e a súa comarca, que foron protagonistas
mediante as súas imaxes dunha longa tradición de fotógrafos como Marcelino Saavedra Padín (1883-1960), Francisco Salido Seco (1901-1965), Augusto Ríos Fonte (1943-2013) ou Ramiro Piñeiro López (1942). Todo plasmado en postais, álbums, xornais e revistas.
En 1865, un fotógrafo descoñecido retratou a ponte de madeira (instalada en tanto se retiraba a medieval e comezaba a construirse a nova), nunha das primeiras fotografías paisaxísticas feitas en Galicia.
A mostra fai un percorrido pola historia mariñeira de Pontedeume, con fotografías e material audiovisual. Os asistentes poderán tamén ver as maquetas das embarcacións que forman parte da historia da vila, realizadas por Lolo Placer Piñeiro, mariñeiro eumés xubilado, e que axudan a recoñecer o pasado común de toda a beiramar galega.