FERROL360 | Luns 18 maio 2015 | 20:13
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol vén de recibir unha subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para a realización de Programas Integrados para o Emprego durante os anos 2015 e 2016. Deste xeito, reeditará o programa «Territorio de Emprego» para o curso 2015-2016.
Esta iniciativa ten un orzamento total de 73.621 euros, dos cales a Xunta aporta 64.787 euros dentro da liña de axudas de programas integrados para o emprego. Esta proposta está coordinada e cofinanciada polos concellos de Cedeira, Narón e Valdoviño e permitirá proporcionar orientación e formación a un total de 63 persoas desempregadas para lograr a súa inserción laboral.
Este programa integrado para o emprego inclúe formación tanto transversal como específica por ocupacións e familias profesionais. Así, haerá cursos de hixiene alimentaria, de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital e novas tecnoloxías, entre outros.
Nas dúas anteriores edicións de Territorio de Emprego conseguiuse unha inserción laboral total de 68 persoas (36 no programa 2013-2014, e 32 no programa 2014-2015 até o de agora). Unha das principais ferramentas do programa é a sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas, a través dos cales proporciónase experiencia profesional aos participantes.
