FERROL360 | Martes 27 xaneiro 2015 | 12:50
Arranca o proceso de participación pública do Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia este martes. Deste xeito, todos os interesados, é dicir, tanto administracións, asociacións ou particulares poden presentar as súas consideracións ao documento por un período de quince días.
Desde a Xunta lembran que se trata dun documento inicial que está comezando a súa tramitación e no que se pretende acadar o máximo consenso cos axentes implicados. Así, poden consultar o Plan nas oficinas do Parque Natural das Fragas do Eume e na web da Consellería de Medio Ambiente, entre outros.
Cando remate o período de participación pública e se incorporen ao documento as achegas dos interesados, o seguinte paso será someter o anteproxecto de decreto do Plan Reitor a un período de información pública e audiencia durante dous meses. Neste período será tamén cando se recaden os informes sectoriais preceptivos.