FERROL360 | Martes 24 febreiro 2015 | 19:45
O Concello de San Sadurniño destinará un total de 87.500 euros ao apoio das entidades do municipio e a bolsas escolares. O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de actividades culturais e deportivas durante este 2015.
Trátase dunha liña de axudas á que poderán acollerse as asociacións e clubes do municipio, así como as comisións de festas. Ademais, o Concello de San Sadurniño tamén abrirá este mércores o prazo para solicitar as bolsas para estudos obrigatorios e postobrigatorios xunto coas referidas a colaborar coas familias nos custes da Escola Infantil Municipal.
As entidades repartirán 23.500 euros, mentres que a bolsas se destinan 25.000, dos que 8.000 euros son para familias con nenos e nenas matriculados na EIM. Porén estas contías non serán as únicas das que se beneficiará o tecido social do municipio, posto que os orzamentos deste ano reservan 39.000 euros para convenios puntuais con diferentes clubes e entidades.
En definitiva, 87.500 euros que levan a San Sadurniño «á cabeza dos concellos galegos que máis recursos dedican a educación e a apoiar as entidades do seu territorio en relación coa poboación e co seu orzamento», segundo asegurou o alcalde, Secundino García.
O capítulo das axudas ás familias en forma de bolsas de estudo e subvencións para conciliación ascende a 25.000 euros, 5.000 máis que en 2014, dos que 2.000 se reservan para posibles casos de emerxencia.
Esta cantidade distribuirase en tres apartados: estudos obrigatorios, estudos postobrigatorios e, por último, no destinado a cubrir parte dos gastos de asistencia dos nenos e nenas de 0 a 3 anos á Escola Infantil Municipal de San Sadurniño no presente curso.
Para os estudos obrigatorios e postobrigatorios resérvanse 15.000 euros. No primeiro caso a axuda poderá ser de ata 200 euros por neno ou nena sempre que a unidade familiar non supere os 6.000 euros de renda anual e só no caso en que estean escolarizados en San Sadurniño.
No segundo caso, o de estudos postobrigatorios, a renda familiar máxima está marcada en 18.000 euros/ano e a axuda pode chegar ata os 600 euros por solicitude, habida conta de que en San Sadurniño non se imparten este tipo de ensinanzas e, polo tanto, o alumnado ten que desprazarse fóra do concello.
Para o cálculo da contía da bolsa nos estudos básicos valoraranse os tramos de renda da unidade familiar -máis puntos canto menos renda-, mentres que na avaliación das bolsas para estudos postobrigatorios ademais da renda tamén se valorará o expediente académico do mozo ou moza para o que se solicite a axuda. O prazo para solicitar as bolsas para estudos remata o 16 de marzo.

