FERROL360 | Sábado 7 marzo 2015 | 19:49
A segunda edición da Guía de Ocio de Fene recolle un total de 150 actos que terán lugar no municipio ao longo de 2015. Baixo o lema «Vén a Fene! Non o podes perder!», o alcalde, Gumersindo Galego, presentou este sábado a publicación nun acto público aberto á veciñanza.
O rexidor destacou o traballo do edil de Promoción Económica e das entidades que colaboraron na creación da guía para consensuar o calendario de festas, actos e eventos que se recollen na publicación. Deste xeito, se busca evitar que coincidan datas de celebración dos actos.
Nesta liña, o concelleiro Juan José Franco agradeceu a predisposición de todas e cada unha das entidades para chegar ao acordo e, sobre todo, adicar tantas horas nas diferentes xuntanzas realizadas. A publicación, da que se editaron 3.000 exemplares, recolle mes a mes toda a programación prevista ao longo do ano (partindo de marzo).
Así mesmo, explicítase o lugar de celebración, data e entidade promotora. Participaron máis de vinte de todo tipo, dende veciñais ata sanitarias, pasando por asociacións deportivas ou culturais, entre outras. Así, os feneses poderán disfrutar de 154 actividades previstas de aquí ao que resta de ano.
Dende exposicións ata concertos, festivais, monólogos, festas de exaltación gastronómica, mercados, feiras, procesións, festas patronais, etnográficas, programas municipais de recuperación da memoria histórica, actividades xuvenís… un sinfín de propostas de todo tipo para ir a Fene, que ninguén se pode perder.
