Publicidad

Cariño acolle unha mesa de traballo para redeiras co obxectivo de darlle valor á súa faena

FERROL360 | Mércores 16 xullo 2014 | 17:30

As redeiras e mulleres do mar teñen unha cita este sábado 19 de xullo, na Casa do Concello de Cariño. Alí se vai celebrar unha mesa de traballo que ten como obxectivo darlle valor a un traballo artesanal e feminizado como é a reparación e armado de redes e aparellos de pesca. A actividade está organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, coa colaboración da Deputación da Coruña.

O programa arranca ás 18:00 horas cunha conferencia de Rosa Isabel Rodríguez Vidal, presidenta de O Peirao. Tamén intervirá María Jesús Veiga Carrillo, secretaria desta Federación. Ás 18:35 horas haberá unha clase sobre profesionalización do sector, acreditacións profesionais e formación. Despois, outros temas a tratar serán a Seguridade Social e a prestación por cese de actividade e o Certificado de Calidade AENOR para as redes e aparellos de pesca.

A xornada concluirá a iso das 20:00 horas cun coloquio entre todas as asistentes. O outro fin último desta actividade é promover e conservar un oficio de moita tradición como é o das redeiras.