FERROL360 | Venres 27 setembro 2013 | 18:52
O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, inaugurará o vindeiro 5 de outubro a antiga casilla de lagoeiros, logo de rematar a rehabilitación deste inmoble tan significativo para toda a veciñanza da vila.
A casilla é un edificio con moita historia; pero atopábase nun estado ruinoso. Na antigüidade era unha caseta que daba servizo a peóns camiñeiros que deixaron a súa pegada visible nas paredes.
Nos últimos meses, traballouse a reo para recuperar o inmoble, que foi cedido ao Concello pola Xunta de Galicia e cofinanciado pola Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- e a administración local. Dos 88.000 euros que custaron os traballos, un 85 % foron sufragados pola Axencia.
Cunha superficie construida de 177,27 metros cadrados, feita en mampostería e con cuberta de tella sobre cerchas de madeira; a casilla levaba anos en desuso, polo que o seu deterioro levou ao seu interior a un estado ruinoso, manténdose en pé só os muros de carga de mampostería.
Inauguración oficial
Cabezón presidirá a inauguración o vindeiro sábado día 5 de outubro, ás 13:00 horas no Puntal; que pretende ser un acto aberto a toda a cidadanía.
Tralo acto, a CCRD Puntal levará a cabo a súa II Xornada Gastronómica no campo anexo á Casilla ou na pista deportiva da Sociedade, en caso de choiva; coa tradicional comida de confraternidade e as actuacións musicais de Parranda La Nuestra e Aplauso Show. Un acto aberto a todos os que se queiran achegar e que se prevé multitudinario.
Usos da Antiga Casilla
O Concello suma un espazo máis, que xunto coa Casa das Palmeiras albergará exposicións co obxectivo de «convertelo nun auténtico dinamizador cultural da zona».
Tamén poderán celebrarse vodas civís e servirá de apoio ás diferentes asociacións e entidades de Neda para desenvolver as súas actividades, cun uso compartido das instalacións.

