Publicidad

Rememorando a vitoria na Batalla de Brión

ARY LÓPEZ | Xoves 24 outubro 2013 | 16:09

Foi un 25 de agosto cando unha expedición inglesa gobernada polo vicealmirante Warren desembarcou fronte á costa de Ferrol, no contexto da Guerra anglo-española que se prolongou de 1796 a 1808. Sete navíos de guerra, seis fragatas, cinco bergantíns, dúas balandras, unha goleta e preto de noventa buques de transporte, eran conducidos polas tropas ao mando do tenente xeneral Pultney.

No intento por invadir Ferrol, os ingleses fondearon as súas embarcacións na praia de Doniños. A súa misión era destruír arsenais e buques e rematar cunha parte da tropa española -naquel momento, aliada de Francia-.

Nas dúas xornadas seguintes, o 26 e 27 de agosto, o exército inglés intentaba atacar puntos de defensa da cidade, invadindo así distintos emprazamentos coma o castelo de San Felipe ou os montes de Brión. Os longos días de loita concluíron coa vitoria do bando ferrolán, que conseguiu cambiar o rumbo dos seus atacantes, enviándoos de volta ao seu destino, non sen antes deixar boas baixas no camiño.

Dende hai varios anos, existe un interese por recuperar e manter a memoria histórica e cultural dun pobo que no ano 1800 expulsou do seu territorio ás tropas inglesas. Con ese propósito veñen traballando dende hai máis dunha década colectivos coma o Club de Montaña e veciños de Brión, San Felipe e A Cabana, quen organizan marchas aos montes e ao castelo, escenarios da batalla. No ano 2000, naceu a Asociación Batalla de Brión, co obxectivo de recrear a invasión inglesa, coincidindo co douscentos aniversario deste combate.

Trece anos despois daquela primeira recreación da Batalla de Brión, son varios os colectivos implicados e interesados en reivindicar este feito a través de distintas iniciativas culturais. Unha delas, foi presentada na mañá de onte da man da Asociación Cultural Conxeito. O seu presidente, Luis Calvo, inauguraba na sala de exposicións do Porto de Ferrol unha exposición que recolle unha parte da esencia do devandito enfrontamento, a través de materiais, fotografías, documentos e indumentaria que formaron parte da recreación do segundo centenario da batalla.

Ata o vindeiro 4 de novembro poderá visitarse esta mostra na sala de exposicións da Autoridad Portuaria (foto: Ary López)
Ata o vindeiro 4 de novembro poderá visitarse esta mostra na sala de exposicións do Porto de Ferrol (foto: Ary López)
Textos, fotografías, traxes e documentos históricos compoñen a exposición da Batalla de Brión (Foto: Ary López)
Textos, fotografías, traxes e documentos históricos compoñen a exposición da Batalla de Brión (foto: Ary López)

Entidades distintas colaboran conxuntamente para poñer en marcha unha mostra que conta con paneis explicativos en varios idiomas, imaxes das actividades realizadas no 200º aniversario do evento, maquetas e traxes de época cedidos pola Asociación Batalla de Brión ou a labor desenvolvida polo Ateneo Ferrolán e diferentes grupos de teatro que levaron a escena a popular liorta. Malia todo ese esforzo, Luis Calvo lamenta «a falta de apoio por parte das administracións» e destaca que o que se pretende con esta mostra é «presionar para que se recupere a recreación deste acto centenario, acadando unha continuidade». Considera que a conservación deste fito histórico sucedido en agosto de 1800 pode ser un importante pulo para a cidade naval.

Así o ven tamén representantes da Autoridade Portuaria, lugar que dende onte acolle esta mostra. O director do Porto, Emilio Fernández García, coincidía con Luis Calvo no alto valor e «atractivo turístico» que pode desprender Ferrol, apostando e recuperando unha «memoria histórica que nos distinga como destino».

Pola súa banda, Marcelo Ruíz, secretario da Asociación Batalla de Brión, sinala a importancia deste feito que «en Galicia se pode equiparar á batalla de Elviña, ou mesmo, superar», xa que recorda que encheron San Felipe no ano 2000 con 4.000 persoas participantes na representación. Apunta tamén que «o obxectivo non é o lucro, senón a atracción histórica, cultural e por suposto turística para Ferrol». Considera que se trata dunha iniciativa que reportaría visitas á cidade ademais de ver cumprida «unha satisfacción persoal e colectiva», engade Luis Calvo.

No panorama escénico, Helga Méndez, en calidade de actriz e codirectora da obra teatral representada hai trece anos, lembraba no acto inaugural da exposición o duro traballo desta «proposta creativa, tan enriquecedora que reuníu por primeira vez a varios grupos de teatro da comarca» ao redor dos textos elaborados por Eduardo Fra Molinero. Méndez recoñece que o esforzo de moitas persoas en longas xornadas de ensaios deu como froito unha experiencia moi produtiva e desexa que na actualidade se brinde «unha maior atención por parte do Concello, porque non se van arrepentir» de apoiar esta actividade.

A ocasión de viaxar ao ano 1800 permanecerá ata o vindeiro 4 de novembro na sala de exposicións do ente portuario. Pode visitarse en horario de 17:30 a 20:00 horas.