O Pazo da Cultura é un deses espazos culturais que foron un soño para moitos naroneses que o viron nacer. É o caso de Luciano Fernández Vicente, director técnico do Pazo da Cultura. Corenta e un anos entregado a traballar polas artes escénicas, co desexo de poñer a Narón no mapa cultural non só de Galicia, senón tamén a nivel estatal e internacional.
En xaneiro porá punto e final a unha traxectoria que converteu un municipio de pouco máis de 40.000 habitantes nun referente das artes escénicas. Fala de cultura coa mesma naturalidade coa que outras persoas falan de fútbol e lembra que nada do conseguido foi froito da casualidade: detrás houbo planificación, paciencia e a convicción de que os públicos tamén se educan.
F360._ Cando bota a vista atrás, como lembra o inicio desta historia? Porque non chega directamente como director do Padroado
Luciano Fernández._ Non. O meu primeiro traballo foi en 1985. Narón participaba nunha mostra de teatro infantil organizada polos sete concellos da mancomunidade e non tiña técnico. Chamáronme para programar as actividades, asistir ás reunións e coordinar a parte de Narón. Aquilo foi algo puntual, pero ao ano seguinte decidiron crear a dirección do Padroado e convocaron un proceso para elixir a persoa responsable. Éramos tres candidatos, cada un presentou un proxecto e tivemos que defendelo diante da xunta do Padroado. Finalmente escolléronme a min.
F360._ Que propoñía aquel proxecto para convencelos?
L.F._ Sustentábase en dúas ideas moi claras. A primeira era crear unhas escolas culturais sólidas, que naquel momento apenas eran un embrión. A segunda consistía en facer unha programación estable que servise para crear público. Tamén tiña moi claro que a cultura debía chegar a todo o municipio, incluído o rural, e que podía ser unha ferramenta moi potente para normalizar o uso do galego. Eu daquela nin sequera era galegofalante porque os meus pais non eran galegos, pero entendía que a cultura podía axudar moito nese proceso.

F360._ Que Narón atopou cando chegou?
L.F._ Era un concello que practicamente non participaba en ningunha rede cultural e cuxa actividade dependía moito do perfil artístico de quen dirixira anteriormente o Padroado. Eu non viña do mundo artístico, senón do técnico. Procedía do Ateneo de Ferrol, onde organizabamos moitísimas actividades e onde aprendín que a cultura necesita planificación, continuidade e organización. A miña idea foi trasladar esa experiencia a Narón.
F360._ Crear público parece sinxelo cando se explica agora, pero imaxino que ao principio non o foi tanto…
L.F._ Foi moi complicado. De feito, a primeira obra de teatro que programei houbo que suspendela por falta de espectadores. Había máis actores enriba do escenario ca persoas no patio de butacas. Lembro perfectamente aquela sensación. Eu estaba convencido de que non podiamos abandonar e dicíalles aos responsables políticos que había que seguir, aínda que o sábado seguinte tampouco viñese xente. O importante era que a cidadanía soubese que todos os sábados, ás oito da tarde, había teatro en Narón. Igual que alguén vai ao cine sen saber que película proxectan, queriamos que o teatro se convertese nun hábito.
F360._ E funcionou?
L.F._ Funcionou porque houbo constancia. Hoxe probablemente Narón sexa a cidade con máis público de teatro de Galicia, pero iso non acontece dun día para outro. É o resultado de moitos anos de traballo e tamén de que houbo responsables políticos que confiaron nese modelo cando aínda non daba resultados. A estabilidade política que houbo ao longo dos anos en Narón foi decisiva.
F360._ Nesa época tamén comeza a medrar a infraestrutura cultural do municipio.
L.F._ Claro. Primeiro chegou o auditorio, porque o espazo que tiñamos quedou pequeno moi axiña. Entramos nun programa da Xunta para construír auditorios; nove financiábanse ao cen por cento e Narón foi o décimo, así que tivemos que asumir a metade do custo. Aínda así, apenas dous anos despois da inauguración daquel primeiro auditorio xa resultaba insuficiente. Daquela empezamos a pensar nun edificio moito maior: o actual Pazo da Cultura.

F360._ Houbo quen dixo que era un proxecto demasiado ambicioso para unha cidade como Narón.
L.F._ Si, pero o Pazo non naceu por capricho. Naceu porque facía falta. As escolas culturais pasaran duns 150 alumnos nos anos oitenta a preto de 2.000 a comezos dos anos 2000. Esa actividade necesitaba espazos axeitados. Ademais, o edificio deseñouse pensando na súa funcionalidade. Traballei man a man co arquitecto municipal para definir que precisabamos realmente. Priorizouse o criterio técnico sobre o estético. Non queriamos un edificio bonito e baleiro; queriamos un edificio útil.
F360._ Hai un momento no que Narón deixa de mirar só cara a dentro e comeza a situarse no mapa cultural. Cando se produce ese salto?
L.F._ Foi un proceso. O primeiro era consolidar unha programación estable e crear un público fiel. Unha vez conseguido iso, empezamos a traballar para formar parte de redes profesionais. Entramos na Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, e iso supuxo un antes e un despois. De súpeto, Narón estaba sentado na mesma mesa ca cidades moito máis grandes, compartindo proxectos, contratacións e ideas. Iso permitiunos acceder a espectáculos que antes eran impensables para un concello do noso tamaño.
F360._ Custou que desde fóra tomasen en serio a Narón?
L.F._ Ao principio si. Había quen pensaba que un municipio coma o noso non podía ter unha programación dese nivel. Pero a mellor carta de presentación era o traballo. Cando viñan os profesionais e comprobaban que o teatro estaba cheo, que había unha programación seria e un equipo que funcionaba, cambiaban completamente a percepción. Ao final, o prestixio non o dá o tamaño da cidade, senón a seriedade coa que fas as cousas.

F360._ Foi difícil manter esa filosofía durante corenta anos?
L.F._ Requiriu moita constancia. Sempre intentamos manter un equilibrio entre a calidade artística e a sustentabilidade económica. Non podiamos competir coas grandes cidades en orzamento, así que tiñamos que competir en organización, credibilidade e capacidade de xestión. Creo que esa foi unha das claves do éxito.
F360._ Cal considera o maior logro do Padroado da Cultura?
L.F._ Máis ca un espectáculo concreto, quédome con ter creado un hábito cultural. Hoxe en Narón hai milleiros de persoas que consideran normal ir ao teatro, asistir a un concerto ou apuntarse a unha escola artística. Iso non acontecía cando comezamos. Crear ese tecido cultural é probablemente o maior patrimonio que deixa o Padroado.

F360._ As escolas culturais foron outro dos grandes piares.
L.F._ Sen dúbida. Sempre entendemos que a programación e a formación debían camiñar xuntas. Non se trata só de ofrecer espectáculos, senón tamén de dar oportunidades para aprender música, teatro, danza ou pintura. Moitas persoas comezaron sendo alumnas e hoxe son profesionais ou continúan vinculadas á cultura dun ou doutro xeito. Esa continuidade é moi satisfactoria.
F360._ En xaneiro chegará a xubilación. Está preparado para baixar o pano?
L.F._ Un nunca está completamente preparado para pechar unha etapa tan longa. Foron máis de corenta anos vindo cada mañá con novos proxectos, pensando na seguinte tempada, na próxima obra, nas escolas, nos festivais… É unha forma de vivir. Sei que chega o momento e tamén son consciente de que fai falta que entre xente nova, que tamén achegue o seu gran de area.
F360._ Acabas de recibir un recoñecemento á túa traxectoria nas Artes Escénicas por parte de Escena Galega. Como levas recibir este recoñecemento despois de tantos anos?
L.F._ Pois a verdade é que teño que recoñecer que nos últimos anos recibín tamén o recoñecemento tanto da Asociación Te Veo, que é de ámbito estatal e reúne empresas de teatro e circo que traballan para a infancia e a mocidade, como da Academia Galega de Teatro, que me concedeu o seu premio anual hai un par de anos.
E agora este último. Os tres premios son especiais para min porque teñen algo en común: son as persoas da profesión quen os decide. Iso fai que para min sexan recoñecementos moi especiais, porque proceden da propia profesión. Moitas veces a relación é complicada, porque se mo concedesen os técnicos de cultura serían os teus propios compañeiros, por así dicilo.
Pero as compañías de teatro, que son coas que temos que negociar, fan que esa relación sexa máis complexa. Que sexan elas quen te recoñezan fai aínda máis ilusión.

F360._ Que fitos destacarías da túa traxectoria?
L.F._ Creo que hai fitos que son importantes para min, pero tamén o son para Narón. Un deles foi cando entrei a formar parte da xunta directiva da Rede Española de Teatros Públicos. Iso empezou a darlle a Narón unha visibilidade moi importante. É dicir, unha cidade de 40.000 habitantes, nun recuncho de España, de súpeto tiña un representante na xunta directiva da Rede Española, que agrupa case 800 teatros, entre eles os máis importantes de todo o Estado. Narón fíxose visible e o noso traballo tamén comezou a ter unha maior proxección.
Outro dos fitos importantes foi cando nos integramos en Redelae, a Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas. Nela participan dezaoito países e Narón desempeña un papel importante. É como un eixe vertebrador entre Latinoamérica e España, porque do Estado español só están San Sebastián, Santa Cruz de Tenerife, Puerto de la Cruz e, no norte, San Sebastián e Narón. Iso conéctanos con Latinoamérica e permítenos traer ao Festival Singular compañías latinoamericanas, pero tamén levar compañías galegas alí. Este ano, por exemplo, imos a Uruguai cunha compañía de Ourense.
E o terceiro fito, para min, foi a inauguración do Pazo da Cultura. Este espazo abriu a posibilidade de cumprir os soños de calquera profesional da cultura. Supuxo un antes e un despois para Narón e para a comarca, e permítenos xogar na primeira liga europea. De feito, por aquí pasaron espectáculos de grande formato que moi poucas cidades poden acoller. A posibilidade de traer ópera de verdade a Narón é todo un luxo.

F360._ Cal foi para ti a clave para situar Narón a este nivel nas Artes Escénicas?
L.F._ Unha das cuestións fundamentais para que isto puidese facerse foi a estabilidade política. É dicir, que Narón mantivese o mesmo grupo de goberno durante tantos anos e que, ao mesmo tempo, ese grupo respectase total e absolutamente o criterio técnico e deixase traballar sen inxerencias. Iso facilita moitísimo as cousas.
O problema é que aos técnicos de cultura non se lles dá o valor que merecen en moitos concellos. Ninguén cuestiona a necesidade de contar con técnicos municipais en educación, urbanismo ou seguridade, pero en cultura é fundamental que exista unha persoa independente, con criterio propio e capaz de marcar unha folla de ruta para que os proxectos poidan desenvolverse e perdurar, exactamente igual ca en calquera outra área.
E logo está o feito de contar cun Padroado. Esa autonomía é moi importante porque facilita moito toda a xestión burocrática. Os recursos que se xeran reinvístense na propia programación, podes ofrecer prezos accesibles e, cando pagas unha entrada, sabes que estás contribuíndo a garantir a continuidade da programación.
Noutros concellos pagas por un espectáculo e non sabes a onde vai ese diñeiro nin en que se reinviste. Aquí todo o que se obtén reinvístese na cultura. Ese enfoque é o que fai que Narón sexa unha referencia cultural. Noutros lugares non sabes se o que pagas acaba destinado a asfaltados, reparacións ou calquera outra actuación que non garante a continuidade do proxecto cultural.
Non é casualidade que en Narón algún alcalde fose antes concelleiro de Cultura ou que Marián Ferreiro, ademais de alcaldesa, sexa tamén concelleira de Cultura. Se Narón destaca por algo é por ter situado a cultura no centro das súas políticas. Iso dá moita satisfacción como director dun espazo cultural e explica que Narón puidese chegar ao lugar que ocupa hoxe.
