A Directiva da ANPA a Buxaina | Luns 12 de maio de 2025 | 8:16
Mediante o presente escrito queremos facer público o estado de absoluto abandono do CEIP A Gándara de Narón por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O cole das nosas fillas e fillos presenta múltiples deficiencias estruturais tanto no exterior como no interior do mesmo, como ven denunciando a nosa ANPA dende o ano 2019.
A situación agravouse nos últimos doce meses, nos que se produciron tres desprendementos de cascotes da fachada do colexio, dous deles en horario escolar. No Consello Escolar Municipal do 10 de xuño de 2024, o inspector educativo comunicounos a todos os presentes a aprobación do proxecto de obras para o noso cole.
O venres pasado soubemos que ditas obras non se realizarán este ano. De feito, vanse realizar non se sabe cando. Denunciamos a situación de extrema inseguridade á que están expostos diariamente os 370 alumnos do centro escolar.
Denunciamos que o CEIP A Gándara non cumpre as condicións sanitarias mínimas esixidas a calquera instalación pública. Esiximos a licitación por vía de urxencia das obras que necesita o cole, que non poden esperar máis.
Esiximos a dimisión con carácter inmediato de todos os cargos da Consellería de Educación que, coñecendo as gravísimas deficiencias do centro, incumpriron de xeito ominoso coas súas obrigas.
Informamos tamén que a partires deste luns empezaremos mobilizacións para reverter esta situación de desamparo.
Debate sobre el post