FERROL360 | Martes 27 outubro 2015 | 18:20
A Deputación da Coruña aprobará no pleno do vindeiro 6 de novembro investimentos para a mellora de estradas no Concello de Pontedeume por importe de máis de 400.000 euros.
Así o anunciou este martes o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou ao concello, na que estivo acompañado polo alcalde eumés e deputado provincial, Bernardo Fernández Piñeiro.
En concreto, o pleno da Deputación dará luz verde ao proxecto de reforzo do firme da estrada DP 6902 que da acceso ás Fragas do Eume, dende o núcleo de Ombre (PK 1,86 ao 3,26), que suporá un investimento de 92.309, 54 euros.
Esta estrada está incluida nunha das rutas que forman parte do conxunto Camiños do Eume e na mesma realizáronse xa accións de limpeza de arcéns, desbroce e tratamento superficial dentro do Plan de Conservación.
Reposición do firme en Boebre
Ademáis, o alcalde de Pontedeume e o presidente da Deputación supervisaron as obras de construción de beirarrúas e mellora da seguridade vial na estrada DP 4803 en Boebre, cun investimento de 812.000 euros. Os traballos atópanse actualmente nun avanzado estado de execución e está previsto que rematen antes de finais do presente ano.
Os traballos estanse a desenvolver entre os puntos quilométricos 3,8 e 7,10 e entre o 10,250 e o 10,750 e consisten na mellora da seguridade mediante a ampliación dos carrís ata os 3,5 metros de ancho para cada sentido e a construción de beirarrúas de 1,80 metros de anchos pola marxe esquerda da calzada, que se desdobran a ambos lados no núcleo de Boebre, que conta con maior densidade de poboación.
As obras inclúen ademáis os servizos de abastecimento de auga, canalización de drenaxe baixo a beirarrúa e alumeado público.
O presidente da Deputación anunciou que o pleno provincial do 6 de novembro aprobará tamén un investimento para a reposición do firme da estrada neses puntos quilométricos afectados polas obras de construción da travesía, que suporá un investimento de 313.384,68 euros.