FERROL360 | Venres 7 xullo 2017 | 10:56
As casetas de madeira das praias de Valdoviño da Frouxeira, O Río, O Rodo e Pantín, nas que se sitúan os aseos públicos e os locais de socorrismo, serán reparadas grazas ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.
As obras consistirán na substitución das carpinterías e das táboas das fachadas en mal estado, a aplicación dunha imprimación para protexer a madeira dos fungos e a reposición de lousas nas cubertas. No caso da caseta da praia do Río, tamén se acometerá a instalación dun novo bombeo de augas fecais ata a rede municipal de saneamento, o que permitirá eliminar a fosa séptica coa que conta na actualidade.
A Deputación da Coruña destina 57.444 euros aos traballos nas praias, que foron adxudicados á empresa Jardinería Arce, S.L. e que terán unha duración aproximada de tres meses.
O organismo provincial tamén acometerá obras de mantemento, conservación e mellora de parques infantís e zonas dedicadas ao ocio e a realización de actividade física para as persoas maiores do municipio. Estes traballos contan cun orzamento total de 176.355 euros e teñen como obxectivo renovar as instalacións e adaptalas ás normativas, garantindo así a seguridade dos usuarios
Os parques infantís que se renovarán e ampliarán serán os da Frouxeira, O Rodo,O Lago,Vilarrube, Montefaro e Aviño, mentres que se crearán novas zonas para os máis pequenos en Loira e Vilaboa, parroquias nas que na actualidade non existe ningún espazo para a infancia.
Os traballos contemplan a substitución dos xogos en mal estado, a limpeza e revestimento con imprimación daqueles que cumpran as normativas e o acondicionamento dos terreos para eliminar os desniveis.
Este proxecto tamén inclúe a creación de catro parques biosaludables, que contarán con diversas máquinas adaptadas para facilitar a realización de actividade física ás persoas maiores. Estas instalacións situaranse no Rodo, O Lago, Vilarrube e Vilaboa.
Debate sobre el post