FERROL360 | Venres 9 xaneiro 2015 | 19:39
O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, e o presidente da Deputación, Diego Calvo, asinaron este venres un convenio de colaboración para a urbanización dunha nova rúa para facilitar a mobilidade no municipio. A actuación ten un orzamento de 52.846 euros, que financiará o organismo provincial.
Esta actuación supón a primeira fase dun proxecto que pretende abrir un novo viario nun entorno moi transitado polos veciños, xa que está preto das instalacións deportivas, dos centros de ensinanza e do futuro centro de saúde.
Nesta primeira fase iniciarase a construción desta rúa paralela ao campo de fútbol para destinala ao aparcamento de vehículos. Está previsto crear ata 50 novas prazas de estacionamento e resolver así a demanda existente na zona.
A obra comezará na rúa Deportes e chegará ata o peche actual que delimita cunha parcela privada ao noroeste. En canto aos traballos, pavimentarase o novo viario e instalaranse todas as redes de abastecemento e saneamento de augas, así coma un murete de formigón armado paralelo ao peche existente para conter a explanada da nova estrada.
Segundo explicou o propio alcalde, o deseño desta vía será innovador ao executarse nun mesmo nivel a estrada e as beirarrúas, flexibilizando así o espazo para vehículos e peóns.