FERROL360 | Luns 18 decembro 2017 | 11:16
A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, respondeu ás críticas do PP de Narón nas que acusaba de fraude aos órganos de participación cidadá do municipio e lamentou que o grupo municipal popular non fixera aportación algunha ao Regulamento de Participación Cidadá.
Catalina García afirmou que o portavoz do PP no Concello de Narón nunca se sentou con ela ou con outros integrantes do equipo de goberno para «presentar nin unha soa aportación a este documento». Considera a edil que estas críticas son un «reclamo preelectoral» e lamenta a utilización deste organismo cando debería ser «unha bandeira para Narón, porque está pensado para construír, non para destruír».
Neste senso, García remarcou que «se o voceiro do PP viñese ás convocatorias do Consello Territorial de Participación Cidadá sabería que a finais de ano realizaranse unha serie de modificacións entre as que se inclúe abrir eses Consellos ás asembleas veciñais, previa presentación do DNI». Así, sinalou que o Regulamento «está suxeito a posibles melloras e modificacións que redunden no beneficio» da veciñanza.
Asimesmo, a reponsable de Participación Cidadá en Narón salientou que se o popular acudira ás xuntanzas «tamén se enteraría de que o vindeiro ano poremos en marcha unha aplicación para abrir aínda máis a Participación Cidadá ás veciñas e veciños da cidade».
A concelleira de Participación Cidadá lembrou que o Regulamento se pode consultar na páxina de transparencia municipal e asegurou que como responsable desta área municipal «estou á súa disposición para explicar en que consiste e como funciona, podendo reunirse conmigo polas mañás ou polas tardes».
Debate sobre el post