ARY LÓPEZ | Venres 16 agosto 2013 | 18:22
A resolución da mesa de contratación do Concello de San Sadurniño acordou este venres adxudicar a Equifer as obras de equipamento interior do Pazo da Marquesa.
O Concello convocara hai un mes o concurso para executar estes traballos, ao cal se presentaron un total de tres propostas. El Corte Inglés e Grumar foron as outras dúas candidatas interesadas en asumir o subministro e instalación do inmoble. O proxecto inclúe, entre outras cousas, o mobiliario de oficina e a instalación dun sistema de conferencias no futuro salón de plenos que será ubicado neste inmoble.
Equipamento de Oficinas Ferrol S.L. foi a compañía que obtivo a maior puntuación no apartado relativo ao prezo. O importe de 127.117’45 euros foi o máis baixo en relación ás outras dúas compañías. En palabras do alcalde Secundino García, «o factor prezo foi determinante á hora de elixir Equifer». Ademais, a empresa sinala un «prazo de execución de trinta días e unha garantía de oitenta e catro meses».
A semana pasada quedaba formalizado o convenio polo que a Deputación da Coruña fai unha achega do 80% do custo mentres que o 20% restante será asumido polo Concello de San Sadurniño.
Debate sobre el post