Publicidad

A Escola de teatro de Narón: máis de 40 anos acehegando o teatro á cidadanía

Celia González Pico, a directora da Escola cóntanos as orixes e filosofía da Escola

ALICIA SEOANE | Xoves 7 de novembro de 2024 | 9:40

Poñer o teatro no centro da programación cultural foi unha aposta de Narón que comezou hai corenta e dous anos, aló polo ano 82. Nese momento aínda non estaba creado o público nin a afección entre a cidadanía, pero si estaba a semente dun desexo que estaría por vir.

Os antecedentes da escola remóntanse aos obradoiros teatrais que se facían polas asociación veciñais, ata que no ano 2003 comeza a Escola de Teatro de Narón co formato coa que a coñecemos hoxe.

Aínda que nas asociacións segue a ofrecerse a actividade como nos seus inicios.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Cada ano pasan pola Escola de Teatro preto de 60 persoas, o que a converte nun lugar polo que pasaron máis de 1300 alumnos ao longo destes corenta e dous anos.

Celia González Pico, actual directora da Escola, colleu o relevo de Flor Maceiras este ano. Neste tempo puido coñecer a Escola como alumna e agora tamén como directora. «Dende a Escola é importante que a formación sexa o máis completa posible», afirma.

A Escola de Teatro parte da filosofía dese achegamento do teatro á ciudadanía, porque ao entender que os grupos son abertos non se poñen condición nin probas, o que fai que sexan diversos e con xente de moi distintas idades».

Do legado que deixa o paso de Flor Maceiras pola formación, Celia González destaca o amor e o respecto que tiña a anterior directora polo teatro, e que soubo transmitir aos alumnos e mestres da Escola. «Nesa liña seguimos traballando. É importante que as persoas que veñen á Escola teñan curiosidade por coñecer o oficio, e que poidan amar o que iso implica».

Outra das cousas que é importante na Escola de Teatro de Narón «é a comprensión do traballo do actor como un traballo en equipo. Non facemos un traballo individualista. Facer unha peza require dun traballo grupal, imos todas no mesmo barco».

Na actualidade a xente achegase ás artes con moita présa, reflexiona Celia González. “O traballo actoral, é un traballo de moi longo percorrido. Nunca deixamos de formarnos e de aprender. Implica tempo, pois traballamos co noso corpo, coa nosa voz, e isto non ten fórmulas máxicas nin receitas. Hai que experimentar, aprender; é un traballo que require de paciencia e tempo».

Funcionamento da escola

 En canto á formación, a escola divídese en tres cursos mais un cuarto  ou prácticum. Nos tres primeiros a formación é moi completa; a parte fundamental está baseada na interpretación, pero trabállanse outros aspectos: a danza, o teatro físico, a voz e a dicción, a posta en escena, a creatividade dramática …

Unha vez que as persoas estean formadas nesta parte básica, os alumnos pódense anotar no prácticum, que son cursos máis libres que van mudando cada ano.

Estes cursos intensivos son, en moitas ocasións, con persoas que veñen de fóra para impartir obradoiros puntuais de materias concretas, fanse de forma regular ao longo do curso. «Outros anos no prácticum fíxemos intensivos de view points, unha técnica actoral, e de teatro musical. Mais cada ano imos mudando estes obradoiros porque así a xente que finaliza a escola se pode seguir formando coa continuidade que queira», engade Celia G.

Outra cousa que é curiosa desta Escola é que ten formado a grandes actores galegos, do cal Celia González reafirma o seu pensamento sinxelo e pragmático, aínda que poida resultar evidente, engade «ao final o talento é universal, se nesta esquina do mundo, por sorte, temos unha escola, iso tamén crea unha canteira. Se non tivésemos esta Escola moita xente tería marchado, e o talento perderíase».

Celia González nunca imaxinou cando entrou como alumna con dezanove anos que acabaría dirixindo unha Escola na que atopou unha segunda casa. É verdade que ás veces non sabemos o que nos prende, pero o certo é que non nos deixa fuxir.