Publicidad

A III Gala Salsera Solidaria celebrarase este sábado na discoteca Onda

FERROL360 | Venres 18 setembro 2015 | 15:368

Baile e solidariedade, hai mellor combinación? Este sábado terá lugar a III Gala Salsera Solidaria coa que se recadarán alimentos non perecedeiros para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Os asistentes deberán aportar un kilo de alimentos para poder entrar ao lugar onde se celebra a cita: na discoteca Onda, a partires das 22:30 horas.

As actuacións comezarán ás 23.30 horas e correrán a cargo do grupo de danza oriental Arabesque e a academia de baile Fusion Dance, de Fene. Elisabeh Arenas, de Salseros Solidarios Ferrol, a entidade organizadora anunciou que haberá numerosas sorpresas no transcurso da gala e anima aos asistentes a participar activamente nas sesións de baile.

Na organización do evento están ademais DJ Tito Boricua, Jaime Martínez, que xunto con DJ Tedu amenizará a sesión musical. O Concello de Narón colabora na cita e a concelleira de Acción Social, Catalina García, agradeceu a axuda prestada por Salseros Solidarios de Ferrol con esta inicitiva e fixo un chamamento á asistencia a este evento solidario.

A edil naronesa incidiu na importancia de «colaborar na medida do posible neste tipo de causas para poder axudar ás persoas que dispoñen de menos recursos e ás veces, lamentablemente, carecen dos básicos para poder sobrevivir».

Catalina García recordou ao respecto que desde o Centro de Recursos Solidarios de Narón se está atendendo a unhas 1.300 persoas da localidade e tamén doutros concellos da comarca.