FERROL360 | Domingo 13 xaneiro 2019 | 11:37
O Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi o punto de encontro dunha reunión informativa que se celebrou o venres 11 de xaneiro entre os Consellos Asesores de Pacientes de Área e a Xerencia Integrada de Ferrol. O obxectivo da Xerencia era informar aos Consellos de Área sobre a súa composición e o réxime de funcionamento de cara a próxima creación deste órgano colexiado de carácter consultivo na área sanitaria ferrolá.
Estes consellos de área veñen a completar as funcións que ata o de agora se desenvolvían a nivel autonómico no Consello Asesor de Pacientes de Galicia. Os Consellos Asesores de Pacientes de Área configúranse como órganos de participación das asociacións nas que se agrupan os pacientes, coa finalidade de participar e colaborar na mellora da calidade da asistencia sanitaria e canalizando a súa participación e a das súas familias.
Deste xeito, case unha vintena de persoas vinculadas a asociacións de pacientes coñeceron na renunión coa a Xerencia de Ferrol a Orde 16 de outubro de 2018 que regula a formación e o funcionamento dos consellos de área.
De todas estas cuestións deu conta o responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva que informou do prazo de dez días naturais para que as asociacións se poidan presentar para formar parte deste Consello Asesor e que estará aberto a partir do vindeiro luns 14 de xaneiro.
Estes Consellos permitirán ós pacientes, a través das súas asociacións, ter maior voz e asesorar a través destes órganos sobre aspectos como a asistencia sanitaria, a prevención da enfermidade ou o deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionamento.
Tamén poderán realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidados dos pacientes, asesorar sobre os contidos das guías de información dirixidas a pacientes, ou na mellora da información da seguridade, entre outras cuestións.
En termos xerais, os Consellos Asesores de Pacientes de Área deberán informar dos acordos adoptados ó Consello Asesor de Pacientes de Galicia. A creación dos Consellos Asesores de Pacientes de Área enmárcase nun dos principios reitores do sistema público de saúde, a participación social no ámbito sanitario.
Debate sobre el post