FERROL360 | Venres 27 setembro 2013 | 20:54
No marco do Plan Anual de Seguridade Viaria do Concello de Ferrol, a Policía Local desenvolveu unha campaña nas proximidades dos centros educativos para controlar os sistemas de retención infantil nos vehículos.
Dende a Concellería de Seguridade e Mobilidade informouse este venres sobre os resultados obtidos nestas xornadas de prevención realizadas entre o 11 e o 20 de setembro.
Os datos amosan que, do total de vehículos inspeccionados, aproximadamente o 7 % dos pais non levan aos seus fillos provistos dos diferentes sistemas de retención homologados. Ademais, os axentes tamén procederon á intervención de dous permisos de conducir por circular coa licenza caducada.
Dende o consistorio ferrolán recordan que a correcta utilización das cadeiras infantís ten unha efectividade na redución de lesións superior ao 75%. Por iso, os menores de 12 anos deben utilizar sempre un sistema de retención infantil homologado e adecuado ao seu peso, idade e constitución física.
Transporte escolar
A vindeira semana, a Policía Local continuará supervisando o cumprimento dos requisitos administrativos e as condicións técnicas dos vehículos destinados ao transporte escolar e de menores.
Debate sobre el post