FERROL360 | Venres 26 febreiro 2016 | 18:03
A Concellería de Normalización Lingüística de Ferrol ven de poñer en marcha unha iniciativa nos colexios do municipio enfocada a achegar e estender o emprego da lingua galega dun xeito atractivo entre os máis pequenos e as súas familias.
O Conto Viaxeiro, que nesta nova edición ten como protagonista a Javier Gómez Noya diríxese a rapaces de 2º, 3 º, e 4º de Educación Primaria. O seu adestramento para os Xogos Olímpicos de Río é o argumento introdutorio que teñen que desenvolver os alumnos con todos os recursos imaxinativos posibles.
A actividade consiste en realizar un conto ilustrado de xeito colectivo ao longo de varias sesións. En cada unha delas participa un grupo diferente de nenos, que se encargarán de idear, escribir e ilustrar unha parte dese futuro conto. A sesión de cada grupo desenvolverase no seu correspondente centro escolar e estrutúrase en tres partes.
A primeira será a presentación e explicación da estrutura básica do conto; a segunda a selección da ilustración do grupo precedente; a terceira a elaboración da propia proposta de continuidade e das ilustracións individuais para presentarlle ao próximo grupo e a última a gravación do vídeo conto.
O Conto Viaxeiro inclúe un blog no que, ao remate da actividade en todos os centros, se difundirán os dous produtos finais, o vídeo conto e o conto en formato dixital
As bases da convocatoria xa foron remitidas desde a Concellería de Participación e Normalización Lingüística a todos os centro educativos de Primaria do municipio. Poden inscribir dous grupos cun máximo de 30 alumnos cada un e en función da demanda participarán un ou os dous. O prazo para inscribirse remata o 3 de marzo.