FERROL360 | Mércores 17 maio 2017 | 20:58
Poucas veces o asteleiro de Ferrol viviu un momento tan emotivo como o do pasado xoves cando mil estudantes de centros educativos das áreas de Ferrolterra e A Coruña uniron as súas voces á da cantante cedeiresa, Guadi Galego, para interpretar a canción Chea de vida.
Agora podemos gozar desta conmovedora actuación a través deste vídeo, co que é imposible non emocionarse. Un millar de rapaces entonaron a canción perfectamente acompasados e mesmo algúns a interpretaron en linguaxe de signos.
Ao rematar a actuación podemos ver abrazos e moita alegría non só entre os pequenos, tamén na propia cantante e no profesorado que acompañou aos estudantes. Un momento realmente fermoso, que de seguro quedará para sempre nos seu recordo.
«Foi un momento marabilloso compartir cos rapaces e rapazas, que o pasaron xenial e eu o pasei fenomenal», indicou ao rematar unha das profesoras. Outra salientou que «foi impresionante para os chavales, inesquecible, e sobre todo para este entorno como é Ferrol».
Outro dos mestres comenou que é «unha actividade extraodinaria para eles, unha grande motivación para o alumnado reunirse aquí e cantar unha canción como é Chea de vida con todos os valores que representa».
A cantante, Guadi Galego, afirmou que é «unha iniciativa moi valente e moi necesaria para todo o que ten que ver coa educación. Sobre todo cando se está traballando o canto coral, que ten que ver coa música e con outras actividades artísticas que desde a educación debemos fomentar porque é a base fundamental para o traballo emocional que é o que nos falta na docencia».
Ás palabras da intérprete, Guille Fernández engadiu o seguinte: «creo que esta vai ser unha iniciativa moi envexada por moitos mestres de moitos lugares do país e que espero que se vaia reproducir en moitos sitios, con moitos nenos».
O Centro de Formación e Recursos promoveu esta iniciativa polo Día das Letras Galegas, que celebramos este mércores 17 de maio. O obxectivo é que o canto e a música galega incrementen o seu seguemento nos centros escolares.
Debate sobre el post