FERROL360 | Luns 23 novembro 2015 | 18:41
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a asesorar ao concello de Mugardos para a regularización dos seus núcleos tradicionais do litoral. Para avanzar nesta colaboración, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, e o alcalde, Juan Domingo de Deus, mantiveron unha xuntanza este lunes en Santiago.
Este encontro inscríbese no ofrecemento realizado pola Xunta aos 87 concellos costeiros de Galicia para poñer á súa disposición asesoramento técnico, co fin de acadar que o maior número de núcleos tradicionais do litoral poidan ser regularizados, trala reforma da Lei de Costas que abre novas posibilidades.
Esta Lei permite rebaixar a zona de servidume de costa dos 100 aos 20 metros, para os núcleos costeiros tradicionais nos que se acredite correctamente a concorrencia dos supostos establecidos por lei. A Xunta sempre defendeu a singularidade de Galicia para facer compatible os núcleos tradicionais da costa coa protección do litoral.
Núcleos de O Baño e A Redonda
O Concello de Mugardos presentou solicitou relativa aos núcleos de O Baño e A Redonda, ditos núcleos xa contan cunha franxa de servidume de protección reducida a 20 metros. O concello solicitou a extensión a redución nuns ámbitos colindantes, exteriores aos núcleos delimitados.
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emitiu informe desfavorable en data 25 de febreiro pasado, por canto considera vinculantes as delimitacións contidas no instrumento de planeamento vixente constituído polo Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1999.
En todo caso, sendo que as edificacións existentes nos ámbitos nos que se pretendía a redución da servidume de protección, son anteriores á entrada en vigor da Lei 22/1988 de Costas, poderán ser obxecto de obras de mantemento e mesmo aumento de volume con elementos lixeiros a modo de galería, previa a obtención da licenza municipal regulamentaria.
Na reunión tamén se analizou a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que está a ser adaptado ao informe emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en decembro de 2014, en aras a elevalo á aprobación inicial do Pleno Municipal e a posterior exposición ao público.
É preciso recordar que os municipios que non regularicen a situación dos núcleos ao abeiro da disposición transitoria da Lei de Costas, seguen tendo á posibilidade de facelo a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para o que poderán contar tamén coa colaboración do Goberno galego.
A Administración autonómica é consciente das dificultades dalgúns concellos, posto que as tramitacións e as análises urbanísticas deben ser abordadas por técnicos especialistas na materia. Por ese motivo, e a pesar de que a Xunta non ten competencias neste proceso concreto, ten a vontade de prestar o necesario servizo de asesoramento para acadar unha tramitación exitosa.