FERROL360 | Mércores 2 novembro 2016 | 9:36
A Xunta de Galicia executará o vindeiro ano unha senda de uso compartido, peonil e ciclista, na estrada entre Cabanas e a Pena, na AC-141. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda investirá nesta actuación medio millón de euros, que servirá para mellorar a mobilidade dos veciños e incrementar a súa seguridade.
O Concello de Cabanas xa realizou as xestións para poñer a disposición os terreos necesarios para poder acometer os traballos e a Axencia Galega de Infraestruturas está ultimando o proxecto, polo que se iniciará a contratación dos traballos a finais deste ano, garantindo que a nova senda estea en obras no próximo exercicio.
Trátase dunha senda de 1,3 km de lonxitude fronte á Casa do Concello que se construirá pola marxe esquerda da estrada. Executarase un itinerario independente e separado da calzada actual, que ofrecerá as condicións de seguridade e comodidade axeitadas para o seu uso e desfrute por parte de peóns e de ciclistas.
Este itinerario enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, que xa está en pleno desenvolvemento en 11 comarcas, e que trata de mellorar a mobilidade e incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das nosas estradas –peóns e ciclistas-.
Cómpre lembrar que o citado plan, para o caso concreto da comarca de Ferrol prevé, nunha primeira fase, a construción de seis sendas, 9 quilómetros e un investimento de 2,7 millóns de euros.
Debate sobre el post