FERROL360 | Mércores 14 outubro 2015 | 14:00
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, reuniuse este martes con representantes do Concello de Pontedeume e da Deputación da Coruña para buscar solucións ás dificultades para executar parte das obras de reforma do mercado previstas para este ano 2015.
Vázquez asegurou que a Xunta manterá o seu compromiso económico de achegar 500.000 euros para a reforma do mercado, dos cales 150.000 euros se correspondían con actuacións a desenvolver neste ano.
Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das actuacións, Vázquez comprometeuse a reaxustar as achegas ao novo calendario de execución, que corresponde aos anos 2016 e 2017. Este reaxuste quedará plasmado no convenio que se asinará en vindeiras semanas.
No encontro, celebrado en Santiago, incidiuse na necesidade da reforma do mercado e na súa importancia para dinamizar a actividade comercial da vila e a xeración do emprego, así como as oportunidades de contar cun novo mercado capaz de potenciar a venda de produtos locais da comarca e incrementar o atractivo turístico da vila.