FERROL360 | Sábado 15 agosto 2015 | 20:15
Tan so faltan unhas semanas para o inicio do curso escolar e os centros educativos teñen que estar a punto para abrir as súas aulas. Nos meses de verán realízanse as obras de mellora e acondicionamento das escolas aproveitando o perído non lectivo e a Xunta ven precisamente de rematar as actuacións levadas a cabo en trece centros educativos de Ferrolterra e Eume.
Na cidade de Ferrol acometéronse traballos no CEIP Isaac Peral, onde se construíron aseos no pavillón; no CIFP Ferrolterra, onde se reformaron e acondicionaron diversos espazos; no IES Concepción Arenal, onde se substituíu o grupo eléctrico, e no IES Leixa, onde se realizaron obras varias.
No CEIP de San Sadurniño ampliáronse as aulas de educación infantil; no CEIP O Ramo de Fene reformouse a cuberta do ximnasio e no CEIP Ponte de Xubia de Narón instalouse unha cuberta para o patio. Ademais, no CEIP San Isidro de Neda acondicionouse a carpintería e reparouse o depósito de combustible. No CEIP Santiago Apóstolo instalouse un novo porteiro automático.
Na comarca do Eume desenvolvéronse actuacións no CEIP Mosteiro de Caaveiro de A Capela, onde se procedeu á reforma da carpintería; no IES Breamo, de Pontedeume, onde se reparou a fachada e o patio e no IES Castro da Uz, de As Pontes, onde se substituíu o sistema de canalización.
O investimento total para todas estas actuacións foi de 243.178 euros.
Debate sobre el post