FERROL360 | Mércores 20 xuño 2018 | 19:54
A Xunta de Galicia decidiu suspender as obras previstas de construción dunha senda peonil na parroquia do Val ante a disconformidade dos veciños coa actuación. A administración autonómica xa lle comunicou ao Concello de Narón a súa decisión e a alcaldesa, Marián Ferreiro, lamentou «a posible perda do investimento de preto de 800.000 euros para materializar esta actuación na cidade».
Ferreiro apelou á opción de que esta suspensión «sexa temporal, xa que as veciñas e veciños manifestaron en reiteradas ocasións que están a favor da construción da senda peonil e ciclista na zona, aínda que non todos están conformes co actual proxecto».
Trátase do itinerario peonil proxectado na estrada Catabois- Valdoviño (AC-116), no treito entre Río do Pozo e a estrada O Val- Baltar (AC-114), entre os puntos quilométricos 4+120 e 6+500. Esta senda tiña como obxectivo mellorar a seguridade viaria e favorecer unha mobilidade sostible, cun investimento duns 800.000 euros.
Desde o Goberno galego indican que ao longo da tramitación desta actuación contou coas achegas do municipio e dos propios veciños, que serviron para enriquecer o proxecto. Así, se proxectou a construción dun ramal de 475 metros na estrada AC-114, que comunica a AC-116 co convento de Baltar, que foi incluído no proxecto tras a solicitude do Concello de Narón.
Ante as inquedanzas manifestadas, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda comprometeuse a atender na medida do posible as demandas veciñais durante a execución das obras.
A rexedora local confía en que «ese importante investimento se materialice finalmente en Narón, chegando a un entendemento entre os veciños e veciñas respectando, como non pode ser doutro xeito, as indicacións que formulan os técnicos que redactaron o proxecto e atendendo, no caso de ser viables, ás demandas plantexadas polos afectados».
Así as cousas, Ferreiro subliñou que «desde o goberno local continuaremos apostando por retomar o diálogo iniciado entre as partes, ante o ofrecemento da Xunta de mantelo durante a execución das obras, para que finalmente a senda peonil e ciclista sexa unha realidade nos vindeiros meses».
O Concello defende a necesidade deste tipo de actuacións, encamiñadas a mellorar a seguridade viaria no municipio, e engade que «se trata dun proxecto moi necesario e sobre o que estábamos á espera do seu inicio para continuar avanzando na instalación da rede de saneamento por esa zona da parroquia do Val, para así e evitar dobles molestias aos afectados».
A Xunta si mantén a previsión de executar o outro itinerario proxectado dende a AC-114 a Meirás, entre os Pq. 6+500 e 9+270. Así, construirase unha senda pola marxe dereita da estrada que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre as travesías de Cruceiro, pertencente ao Concello de Narón, e Lago, situada no de Valdoviño.