Publicidad

Abanca deberá pagar 62.000 euros ao Concello de San Sadurniño por un produto financeiro de alto risco

FERROL360 | Martes 29 marzo 2016 | 19:42

O Xulgado de 1ª instancia nº 13 da Coruña acaba de fallar en favor do Concello de San Sadurniño no xuízo contra Abanca co obxectivo de anular o contrato dun produto financeiro de alto risco asociado a un crédito de 300.000 euros solicitado polo municipio en marzo de 2007. A sentenza, que lle foi comunicada este martes oficialmente ao Concello e contra a que cabe recurso de apelación, deixa sen efecto o contrato e obriga á entidade bancaria a entregar 61.956,85 euros cobrados indebidamente así como os xuros correspondentes. O xulgado tamén obriga a Abanca a asumir os custes procesais.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, cualificou a notificación da sentenza como «unha victoria política dos intereses xerais do pobo contra os intereses especulativos e antisociais do sector bancario». O rexedor engade que nin el nin ningún dos membros dos dous últimos gobernos municipais chegaron a saber «as razóns polas que o goberno do PP solicitou un préstamo de tanta envergadura nin os detalles que rodearon a contratación dun produto financeiro que despois resultou ser un caramelo envelenado». García agarda que a sentenza xudicial «sexa firme en breve».

Solicitude de préstamo

En febreiro do 2007, o Concello iniciou un expediente administrativo para concertar un préstamo de 300.000 euros a 20 anos «para financiar varios investimentos municipais», tal e como recolle a sentenza. Daquela solicitáronse dúas propostas, unha a Banesto e outra a Caixa Galicia. Esta última presentou unha oferta que consistía nun préstamo a tipo variable que, na práctica, se convertería nun xuro fixo dun 4,40% por medio da suscrición dun anexo denominado «Swap-cobertura de tipos». No pleno do 29 de marzo dese ano o Partido Popular aprobou en solitario a contratación do préstamo cos informes favorables da Secretaría-Intervención municipal.

Sen embargo, con esta acción, o Concello estaba tamén contratando «un produto financeiro complexo que nada ten que ver cun seguro ou unha garantía», apunta a sentenza. O Swap funcionaba da seguinte maneira: se os tipos continuaban subindo como o estaban facendo no momento de formalizar o contrato, o Concello podería beneficiarse do cobro dunha cantidade diferencial para que a conta se axustase ao 4,40% previsto. Do que ninguén avisou -nin o banco malia sabelo nin os servizos económicos municipais por descoñecemento- foi de que ocorrería se os tipos de xuro baixaban, como ocorreu de forma acusada a partir de 2009. Esa hipótese -que despois se confirmou na realidade- supuña que nun escenario de baixada do Euribor era o banco quen descontaba das contas municipais a cantidade compensatoria correspondente.

Desde 2007 ata comezos do 2009 o Concello foi pagando o préstamo ao tempo que recibiu nese tempo case 1.400 euros do Swap. Pero a partir de marzo dese ano empezaron a vir liquidacións negativas que se irían acumulando ata que o goberno municipal optou por cancelar o crédito. Cando se liquidou o préstamo, en xuño de 2012, o Concello descubriu que o Swap non se podía cancelar.

O banco ofreceu daquela un acordo de cancelación anticipada cunha quita do 75% que suporía o desembolso de preto de 14.000 euros. «Non aceptamos esas condicións e por iso iniciamos de inmediato o expediente de anulación do contrato suscrito», apunta o edil de Facenda, Suso Soto. Unha decisión que contou con informe vinculante do Consello Consultivo de Galicia en 2014 recomendando acudir á vía xudicial, que a asesoría externa contratada polo Concello iniciou en marzo do ano pasado interpoñendo unha demanda contra Abanca.

Debido ao Swap, ata decembro de 2015 o Concello levaba acumulado un saldo negativo de 63.337,04 euros que, unha vez compensados cos 1.380,19 euros percibidos ata marzo de 2009, dan como resultado 61.956,85 euros. Esa é a contía que Abanca deberá devolverlle ao Concello -xunto cos xuros acumulados-.

A sentenza recolle que o banco non cumpriu coa súa obriga de facilitar «información imparcial, clara e non enganosa, de modo que o cliente poida comprender a natureza e os riscos do servizo que se lle ofrece» para que a contratación do produto fose «plenamente informada». O Swap contratado polo PP antes de abandonar o goberno municipal «é un produto financeiro complexo» e cualifica ao Concello de San Sadurniño como «o perfil dun cliente minorista […] que en modo algún podía considerarse como un inversor profesional ao que debera presumírselle a experiencia, os coñecementos e a cualificación necesarios para tomar decisións de investimento e valorar correctamente os riscos». Unha cualificación que se fai extensiva ao Secretario-Interventor municipal, como interlocutor no proceso de contratación, de quen a xuíza di na sentenza que «non consta que teña especiais coñecementos nin experiencia na contratación de produtos financeiros complexos, como o son os contratos Swap».

Conclúe a maxistrada que o Concello asinou o contrato «por erro» na crenza de que o Swap «serviría para eludir os efectos perniciosos dunha suba dos xuros de interese e sen coñecer con precisión que ocorrería nun escenario de baixada de tipos», así como o feito de que o contrato do crédito e o do Swap «podían ter vidas independentes». A devandita sentenza non é firme e contra dela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial nos próximos 20 días.