
FERROL360 | Mércores 17 maio 2017 | 00:00
A Fundación do Racing organizará do 26 de xuño ao 1 de xullo o seu XV Campus de Fútbol Base «Xoga no Racing», dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos. Oriéntase a aqueles que pretendan «gozar dunha alternativa positiva de lecer, na que combínase a práctica do fútbol e distintas actividades lúdicas e formativas».
Co fútbol como iniciativa principal nas instalacións da Malata, haberá tamén rocódromo, kaiak e un día na praia de Ares, que deixará espazo para voleibol ou windsurf. Técnicos e monitores «da máis alta cualificación» asumirán o traballo diario e estarán «reforzados en todas as xornadas por xogadores e técnicos» do primeiro equipo do Racing.
«Aportarán as súas experiencias no fútbol profesional cos nenos e nenas participantes», comunicou a entidade. Os asistentes poden incorporarse unicamente ás actividades, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas, ou beneficiarse do servizo de pensión completa, de 10:00 a 20:30 horas e que inclúe o xantar.
Os participantes recibirán este ano como agasallo un lote de adestramento de Nike, marca oficial do Racing. O traballo a realizar «cos nenos estará directamente relacionado coa metodoloxía que durante todo o ano emprégase na escola de fútbol do Racing». As inscricións, ata o 12 de xuño.