Publicidad

Adxudicadas as obras de mellora na depuradora e na rede de colectores de Neda

FERROL360 | Mércores 29 abril 2015 | 13:52

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudica as obras para a execución de melloras no sistema de saneamento e depuración no Concello de Neda por un importe de case 390.000 euros. A encargada de levar a cabo estas actuacións é a empresa Construción Boalva, SL.

O obxectivo da obra é dotar a Neda daquelas infraestruturas das que carece, fomentando así o seu desenvolvemento económico e social. O prazo de execución desta intervención é de seis meses e previsiblemente comezará na primeira quincena de xuño, polo que rematarán a finais deste ano.

Este proxecto comprende a execución dos traballos necesarios para solucionar os problemas de funcionamento da estación depuradora de augas residuaise da rede de colectores do municipio. Un total de 4.757 habitantes beneficiaranse desta obra.

Na actualidade o sistema de saneamento de Neda presenta problemas de infiltracións na rede de colectores da zona rural, incompatibilidade do bombeo da estación de ferrocarril cun adecuado funcionamento da EDAR e incorrecta actividade do decantador secundario da depuradora.

Corrección de problemas

Así, levarase a cabo a renovación de colectores, evitando a produción de augas brancas que se infiltran na rede e que proceden de mananciais e regatos. Tamén se actuará no bombeo da estación de ferrocarril, adecuando o seu réxime de funcionamento tanto á poboación servida como a un mecanismo compatible co bombeo de cabeza da planta.

Para isto, dotarase este sistema de variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais bombeados a valores próximos aos 50 m3/h. Na depuradora executaranse optimizacións no sistema de pretratamento co fin de solucionar as súas carencias.

Substituirase o pretratamento existente por unha planta compacta que inclúe cribado de grosos, transporte e compactación de residuos sólidos, desareado por decantación e desengraxado por flotación.

Ademais, procederase á realización de melloras no decantador secundario, adaptando o comportamento deste equipamento a valores de funcionamento axeitados, instalando un módulo de 8,50 metros de longo, 2 metros de ancho e 1 metro de alto

Banner Odeon