FERROL360 | Luns 22 maio 2017 | 11:49
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar o contrato para a execución da senda peonil e ciclista na estrada AC-133, no treito do Ramo, no municipio de Fene. Agora a Consellería someterá a información pública o proxecto de construción durante un período de 30 días hábiles, de xeito que as persoas interesadas presenten as súas observacións.
A obra ten un prazo de execución de seis meses e un importe de máis de 210.000 euros. A empresa Arias Infraestructuras S.A foi a adxudicataria desta actuación da Axencia Galega de Infraestruturas, que será cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A senda desenvólvese nun treito antigo da estrada resultante dunha rectificación de trazado próxima ao apeadeiro de Barallobre e non require expropiacións. Nos primeiros 130 metros, ata a pasarela peonil existente para o paso sobre a vía de ferrocarril, executarase pola marxe dereita da estrada.
Unha vez pasada a pasarela, construirase pola marxe esquerda nunha lonxitude de case 440 metros; e nos últimos 140 metros executarase pola dereita, pola existencia dunha escola infantil e un pavillón nesa marxe.
A obra completarase coa reparación das varandas da pasarela, que ademais será repintada para protexela de oxidación. A sección tipo da vía, tras a actuación, constará de calzada de 6 metros e senda peonil de formigón de 2,2 metros -por unha ou polas dúas marxes dependendo do subtreito-.
Esta actuación enmárcase na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ferrol e ten como obxectivo mellorar a seguridade nunha vía que dá acceso a varios equipamentos docentes e culturais como o colexio, a escola infantil, o campo de fútbol ou o pavillón de deportes, polo que rexistra un elevado número de desprazamentos tanto a pé como en vehículos.
Debate sobre el post