Publicidad

Alumnos do IES Moncho Valcarce de As Pontes participaron no proxecto «O mundo que queremos»

FERROL360 | Venres 27 febreiro 2015 | 19:06

Promover a reflexión dos alumnos sobre a conexión entre as dinámicas locais e as desigualdades globais co fin de sensibilizar e transformar, así coma de explorar o potencial educativo da comunicación. Este é o obxectivo de «O mundo que queremos», un proxecto de educación para o desenvolvemento.

Os alumnos do IES Moncho Valcarce de As Pontes participaron este venres nun obradoiro de teatro enmarcado nesta iniciativa e impartido polo grupo de Teatro dos oprimidxs ‘100tolas’. Que é o teatro do oprimido/a? É unha metodoloxía que pretende transformar e denunciar as realidades opresivas a través de medios estéticos e o diálogo entre os oprimidos.

Así, conta unha escena teatral baseada en feitos reais, na cal as persoas oprimidas e opresoras entran en conflito na defensa dos seus desexos e intereses. Neste conflito a persoa oprimida fracasa e o público toma o papel protagonista para buscar alternativas ao problema que se representa.

O alumnado de As Pontes meteuse de cheo na peza A viaxe de Ana. A obra relata a historia dunha muller que decide emigrar na procura dunha vida mellor. Na súa maleta garda lembranzas e ilusión. Unha ilusión que pronto será atropelada por unha sociedade hostil, atrozmente individualista e que só busca proveito propio.

O fío temático do proxecto son os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’.

Publicidad

Banner Plan de Igualdade do Concello de Ferrol