FERROL360 | Venres 14 de marzo de 2025 | 8:10
A portavoz nacinalista, Ana Pontón, reivindicou en Ferrol a vixencia do «inmenso» legado político de Castelao, «figura central» do nacionalismo galego, do que dixo estar convencida que se «hoxe fose deputado no Parlamento galego subiría á tribuna para apoiar as mesmas posturas que hoxe defendemos dende o BNG».
Así o afirmou no acto conmemorativo do Ano Castelao que o BNG e a Fundación Galiza Sempre organizaron en Ferrol, no marco do programa que, baixo o lema Castelao, Nacionalista Galego, están a desenvolver neste 2025, e no que tamén interviñeron o portavoz municipal, Iván Rivas, e o escritor e divulgador, Manolo Rei.
Pontón apuntou a Castelao como a figura que trazou o verdadeiro programa político do nacionalismo e rexeitou calquera intento de manipulación ou visión reducionista sobre a súa memoria, dado que as súas ideas, subliñou, «constrúen o noso discurso, o das persoas que traballamos por unha Galiza máis xusta, que decida por si mesma, que se goberno, que non padeza discriminacións, que teña un futuro próspero e que non se deixe asoballar por quen quere aproveitar os nosos recursos e roubarnos os nosos beneficios».
Recuperar a figura de Castelao
Nesta liña, defendeu a necesidade de recuperar a figura de Castelao na súa integridade e defender a súa vixencia non como unha obra conxuntural, senón como un grandioso monumento político que continúa erguido.
«Precisamos seguir o seu ideario e defender o dereito de Galiza a existir e a decidir o seu destino, a nosa lingua -que o PP situou en mínimos históricos despois de 15 anos de políticas lingüicidas-, a nosa terra fronte a proxectos como Altri que ameaza a destrución do noso medio ambiente e dos nosos sectores produtivos, a ou infraestruturas básicas galegas e públicas ante á discriminación á que nos someten día tras día», afondou.
De igual xeito, a portavoz do BNG considerou necesario continuar tamén na defensa de «políticas sociais igualitarias» que garanten, exemplificou, o dereito á vivenda ou ao traballo, concepción da igualdade e a xustiza social que tamén están presentes na obra de Castelao.
Pontón repasou a vixencia do seu legado a través de distintas imaxes da súa obra, poñendo o foco sobre a lingua, o autogoberno, a defensa dos recursos naturais e os sectores produtivos propios« fronte ao espolio, coa conivencia do Goberno do PP, das eléctricas e multinacionais como Altri, ou a obriga de combater a actual onda neofascista».
Por último, a líder nacionalista recalcou que «Castelao presidía un goberno legalmente constituído fronte á ilegalidade do golpe militar que se impuxo en 1936 e, polo tanto, é necesario restituír a súa condición de presidente no proceso de recuperación da memoria histórica que defendemos», reclamou para concluír a súa intervención.
Debate sobre el post