Publicidad

Andaina este sábado polas terras de Abade

FERROL360 | Martes 24 abril 2018 | 17:25

A chegada da primavera marca o reinicio das camiñadas organizadas polo Concello de Moeche para descubrir o territorio. O tempo vai a mellor, os días son cada vez máis longos e parece que o corpo nos pide andar máis por fóra ou dar longos paseos.

A próxima ruta programada pola área de Deportes percorrerá este sábado a parroquia de Abade. A ruta sairá do adro da igrexa ás 10.30 horas para percorrer uns 7,5 quilómetros pasando por Gundiao, polo Carbeiral e logo -dentro xa de territorio de San Sadurniño- tirar polas Loibas e a Cruz da Raíña para volver de novo a Gundiao e, desde alí, encamiñar cara Valdixe e regreso ao punto de partida.

O itinerario é apto case para calquera idade, xa que ten unha dificultade media-baixa. Desde o Concello recoméndase levar chaleco reflector, calzado cómodo que protexa os nocellos -que non sexa novo-, calcetíns transpirables, algo de beber e, se se quere, froita ou algunha barriña enerxética.

Tamén é moi aconsellable levar unha vara, bastón ou un caxato para apoiarse durante a marcha. A actividade é gratuíta, pero fai falla inscrición previa chamando ao 981 404 006 ou mandando un correo a: daniel.feijoo@moeche.gal.