FERROL360 | Sábado 22 mayo 2021 | 10:21
O Auditorio Municipal de Cedeira acolle este sábado contra ás 20:00 horas a presentación do libro cedé O Colo das Palavras. Unha grainha de Semente no marco do Festival de Música Galego-Portuguesa Traz outro amigo também que se celebra na vila.
Este libro é unha escolma de poemas do autor ferrolán Antón Cortizas e a súa familia, musicados por diferentes artistas e editado pola asociación Semente Trasancos. O escritor estará presente canda algúns dos músicos que participaron, para interpretar estas cancións dirixidas ás crianzas.
Xurxo Souto, Óscar Fojo, Fatado do Colo, Sofía Espiñeira e Manolo Bacalhau comparten protagonismo cos grupos locais Perrallada e A Banda da Biblio, formados por rapazada do IES Punta Candieira, que se encargarán de abrir o acto.
Xa o domingo, no mesmo escenario, actuará o grupo cedeirés de teatro afeccionado Valverde, que porán na escea a peza La Corista. Petición de Mano, de Antón Chéjov. A representación está adicada á memoria de María Jesús Guillén, Fusa, activista cultural falecida o pasado ano.
Para asistir de balde ás dúas actuacións desta fin de semana no auditorio cómpre reservar previamente a localidade a través do enderezo electrónico enrique.vazquez@cedeira.gal ou no WhatsApp 649 876 614 indicando o nome das persoas que asistirán e un número de contacto.