Publicidad

Arte e baile na programación dos Sábados Miúdos de xuño

REBECA COLLADO | Ferrol | Venres 3 xuño 2016 | 11:13

Os miúdiños da casa terán a oportunidade de participar en sesións de plásticas, debuxo e baile dentro da programación dos Sábados Miúdos deste mes de xuño. Actividades de balde pensadas para conciliar a vida familiar e laboral, así como para ofertar unha programación específica para os peques que se vai desenvolvendo en diferentes barrios da cidade.

As sesións miúdas recalan este sábado no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 12:00 horas, cun obradoiro de debuxo e plástica a cargo de Carmen Martín. Non é preciso inscrición previa e a actividade está pensada para nenos de 4 a 12. Este obradoiro repetirase o sábado 11 de xuño, á mesma hora e no mesmo lugar.

E para pechar a programación dos Sábados Miúdos, que descansan durante as vacacións escolares, nova sesión do exitosos Baile de Doce. Será o domingo 19 de xuño no Antigo Hospicio. O cambio de data busca favorecer a participación das familias, avós, pais e nenos, nesta actividade que pretende recuperar a gusto polo baile. Despois do esforzo haberá un pequeno almorzo.

«Esa será a última actividade programada desta quenda, porque chega o tempo de familia, pero voltaremos con novos folgos en outono, co inicio do curso escolar», anunciou o concelleiro de Cultura Suso Basterrechea.

Pola súa banda, Álvaro Montes, edil de Participación Cidadá, salientou a boa acollida que tivo o progama durante estes meses nos que houbo actividades de todo tipo e en diferentes barrios da cidade. «Voltarán en setembro con actividades variadas e dotando aos barrios e ais nenos dun día de lecer», indicou Montes.