REBECA COLLADO | Venres 30 setembro 2016 | 10:43
Todos temos unha parte artística que debemos coidar e potenciar. Pode manifestarse desde que somos ben pequenos ou xa na idade adulta, pouco importa, pero hai que mimala e axudala a desenvolverse en plenitude. Porque a música, o teatro, o baile ou o debuxo sacan o mellor de nós e nos permiten expresar aquelas cousas que non sabemos comunicar doutro xeito. Son liberadoras.
Porque nunca é tarde, ni demasiado cedo, para aprender a tocar un instrumento e para desenvolver as nosas potencialidades artísticas, as Escolas Culturais Municipais de Narón non teñen límite de idade. «Hai xente de todas as idades, nenos pequeniños e xente maior», explica Emilio Romero, profesor do Obradoiro de Construción de Instrumentos. Iso si, se dividen en grupos de idades para favorecer a aprendizaxe de cada un.
O Padroado de Cultura de Narón oferta para este curso oito Escolas Culturais de corte tradicional e as catro Escolas Artísticas. Romero salienta que as clases están abertas a naroneses e veciños doutros municipios. E é que sinala que «moita xente pregunta se se pode apuntar aínda que non sexa de Narón» e o certo é que nas Escolas «hai xente de As Pontes, de A Coruña, ou Ferrol».
Outro dos aspectos que o profesor destaca das Escolas é o prezo da matrícula, que ao estar subvencionada polo Concello de Narón é moi económica. Por todo un ano de clases se debe abonar una cota de 63,10 euros por cada curso. E as persoas que se matriculen en tres escolas ou máis poden aprazar o pago.
No caso da Escola de Actores e Actrices, as matriculacións para cada un dos tres cursos que se imparten teñen un prezo de 208 euros e a actividade de Bailes de Salón custa 31,60 euros a matrícula, sendo preciso neste último caso pagar unha cuota de 15 euros ao mes.
Non é preciso ter instrumento
Romero explica que non preciso contar co instrumento que se vai practicar na clase porque os facilitan nas Escolas, ademais, «no caso das zanfonas, os acordeóns e as gaitas van rotando para poder levalos a casa para poder practicar». O profesor tamén comenta que existe a posibilidade de devolver a matrícula se a actividade non engancha aos peques ou aos adultos.
Pero en xeral o alumnado está contento e agusto nas clases, incluso os nenos «veñen de moi boa gana», remarca Romero. «Os alumnos aprenden cousas novas, relaciónanse con máis xente, traballan en equipo e todo iso é moi positivo», asegura o profesor.
As clases desenvólvense de outubro a xuño e ao longo do curso hai tamén diferentes actividades complementarias como charlas e cursiños con músicos de recoñecido prestixio. Precisamente para poñer en práctica o aprendido durante o curso os alumnos actúan en diferentes actividades como Os Maios ou a Romaría da O co obxectivo tamén de «achegar a labor que se realiza nas Escolas». Ao rematar as clases, cada ano, o Pazo da Cultura acolle o festival de fin de curso das Escolas.
Modalidades das Escolas
En canto ás Escolas tradicionais, poderase elixir entre as de: Danza tradicional ou Canto e pandeireta -para nenos a partir de 5 anos-; Gaita ou Percusión tradicional -desde os 6 anos-; Acordeón e Zanfona -a partir de 8 anos-; Construción de instrumentos -desde os 16 anos- e O Recuncho dos Pequechos -para menores de 3 e 4 anos-.
No Rechuncho dos Pequechos introdúcese aos nenos no mundo da cultura. «Aprenden os tipos de instrumentos que hai, os traxes e as súas diferentes partes, cando son os Maios fan un, tamén no Samaín decoran as cabazas», explica Romero. Trátase dunha clase que está a ter moito éxito porque «cada vez hai máis nenos e máis grupos», sinala o profesor.
As modalidades ofertadas a través das Escolas Artísicas son: Teatro -a partir de 4 anos- e Debuxo -desde 6 anos-. Así mesmo, impartiranse cursos de Acceso na Escola de Formación de Actores e Actrices -a partir de 16 anos-.
Os interesados en anotarse nalgunha das Escolas Culturais poden facelo ata o 4 de outubro nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 e desde as 17:00 ata as 19:00 horas, tamén os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Debate sobre el post