Publicidad

As Pontes acolle unha xornada deportiva solidaria

FERROL360 | Mércores 23 decembro 2015 | 18:25

O polideportivo municipal de As Pontes acollerá este sábado unha masterclass deportiva solidaria organizada pola asociación sen ánimo de lucro Sonrisas Pelonas, que traballa con pequenos enfermos de cancro.

A cita arrincará ás 17.30 horas e contará con diferentes actividades deportivas coma zumba, kick boxing e body combat e ata haberá sorteos de diferentes agasallos doados por varios establecementos comerciais ponteses.

Veciños de todas as idades poderán participar nesta xornada na que será posible colaborar cunha boa causa, xa que todos os fondos recadados terán como destino a Fundación Andrea, adicada ao apoio de pequenos con enfermedades de longa duración, crónicas ou terminais.

Os fondos tamén se adicarán á compra de roupa, xoguetes e material escolar para os pequenos ponteses que están a pasar por unha mala situación económica. As entradas terán un prezo de 3 euros e tamén se habilitará unha fila cero para que, aqueles que non poidan achegarse á cita teñan a oportunidade tamén de colaborar con esta causa.

Esta primeira masterclass solidaria contará coa presenza de recoñecidos monitores galegos tanto de zumba coma de body combat. Ademais, a organización do evento apostará por dúas exhibicións: unha de kick boxing e unha segunda de taekwondo Freestyle.

O polideportivo municipal abrirá as súas portas ás 17.00 horas para acoller a primeira exhibición da xornada adicada ao kick boxing, 30 minutos máis tarde. Ás 18.00 horas arrincará a clase de body combat e despois haberá unha exhibición de taekwondo Freestyle e para rematar unha clase de zumba. O punto final será un sorteo de agasallos.