Publicidad

As Pontes convértese nunha biblioteca ó aire libre

FERROL360 | Luns 23 abril 2018 | 8:25

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, o Concello de As Pontes enche este luns o municipio de libros grazas ás ‘Casiñas de libros’; una novidosa experiencia de bookcrossing na que liberará centos de libros pertencentes ó fondo da Biblioteca Municipal.

As obras estarán en casiñas de madeira, espalladas por todo o centro urbano, coa intención de que calquera veciño poida gozar, de balde, da lectura, tanto na rúa como na súa casa. Obras de literatura infantil, novelas históricas, libros de poesía, clásicos da literatura galega estarán a disposición de todos os veciños, durante todo o ano, grazas a esta orixinal práctica que consiste en deixar libros en espazos públicos para que poidan ser recollidos e lidos polos ponteses.

Os veciños, que despois o desexen, poderán volver a liberar os exemplares e depositalos, novamente, nas casiñas de lectura para que poidan ser lidos por outro veciños, creando así un enorme clube de lectura.

Por outra banda, o parque municipal acollerá este luns e martes varios stands informativos que contarán con máis de 1.000 obras literarias, 200 delas cedidas pola Deputación da Coruña, para que os veciños e visitantes, que se acheguen ata eles, boten man, de balde, dalgún exemplar.

Desde o Concello, a tenente de alcalde, Montse García, salienta a aposta do goberno local pola cultura como vehículo para educar, formar e entreter e subliñou que as actividades organizadas para a conmemoración do Día Internacional do Libro teñen como principal obxectivo «atraer ós ponteses cara a literatura, inculcar o gusto por ler e, en definitiva, remarcar a importancia que a literatura ten na transmisión de coñecemento e de valores esenciais para a vida».