FERROL360 | Xoves 22 outubro 2015 | 16:38
O programa de Garantía Xuvenil continúa este venres nas Pontes e Ortigueira coa campaña de charlas informativas para mozos de entre 16 e 29 anos, que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación, sobre as posibilidades que lle achega este programa.
Ás 10:00 horas comezará a sesión na aula CeMIT das Pontes ás 12:00 horas a charla será en Ortigueira, no antigo Centro de Saúde. As sesións continuarán a vindeira semana en San Sadurniño e Pontedeume.
O obxectivo do Programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.
Para acadar este fin, o programa vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación, cun servizo de orientación laboral, mellora da empregabilidade, con obradoiros e prácticas, estímulos á contratación, con bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos inscritos neste sistema e fomento do emprendemento, con axudas á creación de empresas propias e cooperativas.