FERROL360 | Mércores 29 xuño 2016 | 9:38
O Movemento Galego da Saúde Mental xunto con diferentes colectivos da sanidade convocan unha mobilización este xoves, con actos en toda Galicia, en prevención do suicidio. En Ferrol a concentración cunha badalada terá lugar na praza de Armas ás 19:50 horas.
Desde a Plataforma Defensa da Sanidade pública de Ferrolterra explican que ás 20:00 horas darase unha badalada en lembranza da morte dunha persoa cada día. E é que desde a Plataforma sinalan que en Galicia morre por suicidio unha persoa cada día, unha realidade que se agravou dende o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.
Asimesmo, os colectivos convocantes reclaman con esta protesta a posta en marcha dun plan galego de prevención de suicidio.