Publicidad

Baile, poesía musicada, contacontos e debuxo para os miudiños da casa nos sábados de abril

REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 31 marzo 2016 | 12:39

Cinco novas actividades para que os peques da casa aprendan e se divirtan en galego. Os «Sábados Miúdos» non paran e neste mes de abril trasládanse ao barrio de Caranza para ofrecer baile en familia, poesía musicada, contacontos, debuxo e plástica para nenos de entre tres e doce anos de idade.

Na presentación da programación este mércores, o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, salientou que se trata de «dar unha actividade cultural, pedagóxica e de defensa da ligua aos nenos», ademais de facilitar a conciliación.

Así, este sábado no Auditorio de Caranza o dúo acústico Gululú porá música a poemas de Manuel María, Rosalía de Castro e Paula Carballeira, entre outros. O día 9 de abril a programación múdase ao Centro Cívico de Caranza cun contaconto interactivo para nenos de seis a dez anos.

«Sábados Miúdos» regresará ao Auditorio de Caranza o día 16 cunha actividade para toda a familia e que busca recuperar o gusto polo baile, ademais se completa cun pequeno almorzo para repoñer forzas. E os días 23 e 30 de abril no Auditorio haberá un obradoiro de debuxo baseado nos murais de Xaime Quessada.

Estas actividades son de balde, non teñen límite de prazas e non precisan de inscrición previa. Todas comezarán ás 12:00 horas. A programación terá continuidade ata o 18 de xuño, momento no que os peques comezarán as vacacións, e coa volta ao cole regresarán máis citas dos «Sábados Miúdos».

Na rolda de prensa de presentación da nova programación tamén se aproveitou para facer balance das primeiras actividades, que tiveron unha moi acollida. O edil de Participación Cidadá e Normalización Lingüística, Álvaro Montes, indicou que os peques precisan variación nos obradoiros e que buscarán levar os «Sábados Miúdos» aos diferentes barrios da cidade.

Semana das Abellas de Ferrol

Por outra banda, o concelleiro de Ensino, Suso Basterrechea, tamén presentou a programación da Semana das Abellas de Ferrol. Unha cita que se compón dunha exposición, que abre este xoves as súas portas ata o día 6 de abril, e tres coloquios técnicos en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura, AGA.

A mostra, de carácter pedagóxico, está tendo unha «demanda brutal» por parte dos centros de ensino da cidade e ten cubertas case todas as prazas, afirmou Basterrechea. A exposición, que tamén está aberta ao público en xeral, pode visitarse no centro cultural Carvalho Calero en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas

A primera das charlas técnicas será este venres, no mesmo centro cultura, ás 19:00 horas, e abordará o pasado, presente e futuro da apicultura galega. Un coloquio que correrá a cargo de Rafael Díaz de AGA. Este sábado, ás 11:00 horas, María Serijo, doutora e Bioloxía pola Universidade de Vigo falará sobre a flora de interese apícola.

Por último, o mércores día 6 ás 19:00 horas, Deyanira Valdés, doutora en Mediciña pola Universidade de La Habana abordará as características dos propóleos das abellas e beneficios na saúde humana.