Publicidad

Cabanas organiza un roteiro guiado para coñecer o patrimonio local

FERROL360 | Xoves 5 decembro 2019 | 10:14

O Concello de Cabanas organiza este sábado e domingo o roteiro Pegadas con Historia. Un paseo polo patrimonio de Cabanas. O obxectivo desta actividade é facer un percorrido pola historia de Cabanas desde os períodos máis antigos á época actual empregando como apoio os bens patrimoniais que se conservan dentro do termo municipal.

Ao longo do percorrido, as persoas participantes irán coñecendo a historia do concello desde os primeiros asentamentos, unha explicación que correrá a cargo do persoal da Concellería de Turismo. Para participar pódense escoller dous grupos, sábado 7 ou domingo 8 de decembro, en ambos casos ás 11.00 horas.

A duración do roteiro é dunhas 2 horas e a dificultade baixa, cun percorrido total de 5,5 quilómetros. Dado que a actividade conta con límite de prazas, é preciso realizar inscrición previa a través do correo electrónico turismo@cabanas.gal ou no teléfono 637559873, indicando o nome completo e o DNI.